Thursday 02 de May de 2024

Vázquez salienta o papel da paisaxe galega como recurso estratéxico para contribuír ao afianzamento do turismo verde


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que preto de 5,1 millóns de persoas visitaron en 2019 Galicia, sendo a primeira motivación dos que a visitan os recursos naturais e paisaxísticos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que Galicia conta cun recurso estratéxico, como é a paisaxe galega, para contribuír ao afianzamento do turismo verde na Comunidade, ao tempo que se pon en valor e se garante a súa preservación.

A conselleira inaugurou as xornadas online Ecoturismo en áreas protexidas, do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), onde recordou que a paisaxe é un dos elementos aos que máis importancia concede o modelo turístico galego e así se reflicte na Estratexia do Turismo de Galicia 2020, elaborada pola Xunta.

No caso concreto do ecoturismo, entendido como un motor de turismo sostible, este cobra unha maior importancia en determinados puntos da xeografía galega, como as áreas protexidas ou nas Reservas da Biosfera, que son un punto de apoio para as economías locais.

Defendeu a necesidade de conservar este distintivo de Galicia, non só polo futuro ambiental e natural dos recursos, senón tamén porque representan unha fonte de ingresos sustentables e un reclamo para os preto de 5,1 millóns de persoas que visitaron en 2019 a Comunidade, sendo a primeira motivación dos que nos visitan os nosos recursos naturais e paisaxísticos.

Neste sentido, a conselleira destacou o traballo realizado polo Goberno galego durante os últimos 10 anos e que se materializa en proxectos e iniciativas como o Plan de Ordenación do litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a Estratexia da Paisaxe de Galicia, o Catálogo das Paisaxes de Galicia, a Rede de itinerarios de interese paisaxístico, a Guía de Cor e Materiais de Galicia ou a de Boas Prácticas para a Intervención nos Núcleos Rurais.

Un traballo que se mantén no presente ano, no que se aprobará o regulamento da Lei da Paisaxe, a Estratexia Galega da Paisaxe 2021-2023 e as Directrices de Ordenación da Paisaxe de Galicia, así como a elaboración de novas guías paisaxísticas que pasarán a formar parte da Colección Paisaxe de Galicia.

Argumentou que Galicia é verde, unha cor que se asocia ao medio ambiente e á paisaxe, sexa costeira, de montaña, chairas ou bosques; un patrimonio natural que dende 2019 está protexido por lei (a nova Lei de Patrimonio Natural), co fin de establecer unha protección transversal da riqueza natural galega e da súa biodiversidade, coa mira posta na conservación e na sostibilidade.